Que é?

É unha axuda económica para as familias destinada a apoiar os gastos derivados do nacemento, garda con fins adoptivos ou adopción dun neno ou nena.

Quen pode beneficiarse desta axuda?

Poderán beneficiarse as persoas que teñan a súa residencia habitual en Galicia e que teñan fillos ou fillas, tanto por natureza como por adopción, nados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2022 ou sexan declaradas en situación de garda con fins adoptivos dun neno ou nena nese período.

Tamén as galegas e galegos e os seus descendentes que se atopen en calquera dos supostos anteriores e, tendo residido fóra de España, retornen a Galicia durante o ano 2022.

Igualmente poderán beneficiarse das contías previstas no artigo 4.2 da convocatoria aquelas familias que obtiveran a axuda de carácter xeral de 1.200 € ou non accederan a ela por superar os ingresos previstos, nas respectivas convocatorias do ano 2020 e 2021 e experimentaran unha variación á baixa da renda da unidade familiar que implique ter dereito a ela.

Que requisitos hai que cumprir?

    - Ter a persoa solicitante a súa residencia en Galicia.
    - Non superar os 45.000 euros de renda da unidade familiar sumadas a base impoñible xeral e a base impoñible do aforro, ou os 13.500 euros de renda per cápita, na declaración do IRPF do último período impositivo con prazo de presentación vencido no momento de presentación da solicitude de subvención.
    - Que a renda da unidade familiar non supere os 22.000 €, para ter dereito a axuda no segundo ano de vida e ata que o neno/a cumpra tres anos.
    - Que a persoa proxenitora solicitante teña a súa residencia habitual nun concello cunha poboación inferior a 5.000 habitantes para ter dereito ao incremento do 25% da axuda.
    - As persoas galegas emigrantes deberán ter retornado a Galicia no ano 2022 e deberán estar en posesión da nacionalidade española antes do dito retorno.
    - Para que os nenos/as nacidos durante o ano 2022 poidan ter dereito a axuda ata un ano máis a unidade familiar debe estar en situación de especial vulnerabilidade tecnicamente valorada polo sistema público de servizos sociais e ter un recurso do sistema público de protección social pendente de resolución e así o soliciten dentro dos dous meses anteriores á data na que o neno ou nena cumpra os tres anos.

Cal é o seu importe?

Con carácter xeral, a contía total da axuda é de 1.200€ por cada fillo ou filla durante un ano a razón de 100€/mes. No suposto de que o fillo ou filla que dá dereito á axuda sexa o terceiro/a ou sucesivo/a da unidade familiar a contía da axuda será de 2.400€ a razón de 200€/mes.

Para aquelas familias con renda igual ou inferior a 22.000 € a axuda ampliarase no segundo ano de vida e ata que o neno ou nena cumpra tres anos, ou ata que se cumpran tres anos do ditado da correspondente resolución para os supostos de adopción ou garda con fins adoptivos nas seguintes contías:
    - 600 €/ano, a razón de 50€/mes, se é o primeiro fillo/a
    - 1.200 €/ano, a razón de 100€/mes, se é o segundo fillo/a
    - 2.400 €/ano, a razón de 200€/mes, se é o terceiro/a ou sucesivos/as.

As contías anteriores incrementaránse un 25% no suposto de residencia en concellos cunha poboación inferior a 5.000 habitantes.

Como se aboará esta axuda?

O pagamento da axuda efectuarase a través da Tarxeta Benvida, unha tarxeta moedeiro que se expedirá a nome da persoa solicitante.

Esta axuda farase efectiva do seguinte xeito:
    - Ano 2022: un único pagamento coa contía que corresponda en función do mes de nacemento, ou de ser o caso do ditado da resolución de adopción ou garda con fins adoptivos e ata o mes de decembro, incluído.
    - Ano 2023: un único pagamento coa contía que corresponda desde xaneiro e ata o mes anterior ao que o neno ou nena cumpra un ano ou ata o mes anterior a que se cumpra un ano do ditado da correspondente resolución para os supostos de adopción ou garda con fins adoptivos.

No caso da ampliación da axuda, as contías faranse efectivas en pagamentos anuais sucesivos co importe que corresponda ata o mes de decembro do exercicio en curso en función do mes de nacemento, ou do ditado da resolución de adopción ou garda con fins adoptivos do fillo ou filla polo que se concedeu a axuda.

Onde se poden presentar as solicitudes?

Na sede electrónica da Xunta de Galicia: https//sede.xunta.gal e nos diferentes rexistros da Administración.

O formulario de solicitude está dispoñible na páxina web https://sede.xunta.gal/detalle- procedemento?codtram=BS403B&ano=2022&numpub=1&lang=gl.

Que prazo hai?

Dous meses contados desde o día seguinte a aquel no que se produce o nacemento, se dita a resolución de garda con fins adoptivos ou se constitúe a adopción.

No suposto de que a persoa solicitante sexa emigrante retornada a Galicia e sempre que o fillo ou filla nacera con anterioridade ao seu regreso, o prazo será de tres meses e contarase a partir do día seguinte a aquel que conste na documentación que acredite fidedignamente a data de retorno a España.

Opcionalmente poderá presentarse a solicitude durante o período de xestación sempre que o nacemento estea previsto no ano 2022.

Máis información:

http://politicasocial.xunta.gal/
https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=BS403B&ano=2022&numpub=1&lang=gl
Correo electrónico:tarxetabenvida.familia@xunta.gal
Consellería de Política Social-Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.
Teléfono 012

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Suxestións e queixas | Atendémolo/a